cab_acampada_gl

Na nosa primeira edición e sabendo que Ribadeo é un pobo turístico, no cal a súa ocupación hostaleira en tempada alta roza o 100%, solicitamos ao concello de Ribadeo que nos permitise dispoñer dunha zona de acampada gratuíta. Consideramos que é unha necesidade para garantir que tódalas persoas que desexen asistir ao evento poidan facelo de maneira segura e económica.

Ademais, ofrecer unha acampada gratuíta no festival tamén permite aos asistentes gozar dunha experiencia máis auténtica e próxima ao evento, estando en grupo e coñecendo aos teus veciños de acampada, así como permitirlles pasar a noite próximos aos concertos.

Por outro lado, pode contribuír a reducir o impacto ambiental do evento, xa que os asistentes non necesitarán desprazarse a zonas máis afastadas en busca de aloxamento e, polo tanto, facendo un pouco máis sostible o festival.

Unha localización cremos que inmellorable, xunto á estación de autobuses, con espazo para tendas, furgonetas e caravanas. A 5 minutos do recinto andando, cun aparcamento municipal próximo, supermercados e servizos.

Nesta edición poderanse usar os baños da estación de autobuses. Non contaremos con duchas nin seguridade privada. A partir das 6 da mañá abrirá a cafetería da mesma estación para aqueles que precisen algo antes de irse durmir ou para os que se levanten a esa hora para gozar do amencer da ría que se encontra a outros 5 minutos a pé.

Ribadeo é un pobo que os domingos ten vida e abren os seus comercios, facendo que a mediodía exista un grande ambiente para gozar da vila.

En caso de que prefiras utilizar un camping (hai tres opcións xunto con albergues) ou  incluso un hotel de Ribadeo, podes entrar na web de turismo do Concello onde aparecen tódolos servizos.  Onde comer, durmir ou planificar unha ruta ou visita ese mesmo día ou ao día seguinte.

 

 

Acampada-gl
Localización acampada

A acampada a pesar de ser gratuíta, e para garantir o aloxamento e a seguridade, contará con prazas limitadas. Solicitando a praza aceptas as seguintes condicións:

1. Inscrición previa: deberás reservar o teu espazo de acampada con anticipación para asegurar o teu sitio para controlar o número de participantes e garantir a seguridade de todos.

2. Tempo e espazos delimitados: a acampada poderase realizar nos espazos limitados para iso. A localización é no terreo municipal próximo á estación de autobuses. Poderás acceder ao recinto durante o 22 de Xullo e deberás abandonalo como moito, o 23 de Xullo ás 15:00 horas da tarde.

3. Espazos asignados: asignaráseche un espazo específico para acampar. Os organizadores do festival mediante email ou a través do número de teléfono indicado, avisarante de onde e como debes instalar a túa tenda de campaña, furgoneta ou caravana. É importante respectar estas indicacións para manter a seguridade e a
organización

4. Servizos básicos mínimos: a acampada gratuíta só permitirá o acceso aos WC da estación de autobuses. Non contará con acceso a electricidade nin duchas. Para as caravanas ou furgonetas adaptadas, non contaremos con auga corrente ou  instalacións para o baleirado de augas. Sen embargo, en Ribadeo si hai outros puntos
para iso. Leva contigo todo o necesario.

5. Normas de convivencia: é importante respectar as normas de convivencia e seguir as indicacións que se che enviarán nas fechas próximas ao festival. Isto pode incluír restricións sobre ruído, horarios de descanso e accesos.

6. Os participantes deberán recoller todo o lixo xerado e depositalo no espazo habilitado para tal uso. Non está permitido tirar o lixo ó chan ou deixalo na zona da acampada. Deixando esta tal e como a encontraron.

7. Está prohibido causar danos ou alterar a flora e fauna da zona.

8. A organización non se fai responsable de accidentes ou incidentes derivados da mala utilización por propios ou estraños da zona da acampada.

9. A organización resérvase o dereito de expulsar a calquera persoa que non respecte estas normas ou que poña en risco a seguridade do resto de campistas.

Dende a organización queremos agradecer a predisposición dos inscritos para o bo uso desta acampada libre, xa que é a primeira vez que se fai en Ribadeo e queremos dar exemplo de organización e bo comportamento para os anos sucesivos. Este proxecto queremos facelo a largo prazo, e nesta primeira edición coa axuda de todos, demostraremos que o público neste tipo de eventos, e en tódolos aspectos, é inmellorable.

Let’s Rock!